Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Interese turístico

Terrazas, frente a la catedral de Santiago

Patricia A. Janeiro

0

Aínda teño gardados folletos de cando traballaba na Oficina de Turismo de Santiago, porque unha nunca remata de todo de desprenderse das cousas insignificantes do día a día que van atopando sitio no bolso ou enriba da morea inestábel de papelorio da mesa da cociña, mesmo cando ese día a día xa hai tempo que non fai parte dunha. Hai pouco deume por revisalos, e marabilloume a súa redacción, unha linguaxe afervoada e grandilocuente que relata punto por punto o repertorio de mitos fundacionais franquistas sobre o vertebramento dos reinos cristiáns contra o invasor musulmán e a catedral como reserva espiritual de Occidente. Se algún deses folletos cae por un casual nas súas mans, recomendo a lectura en voz alta coa voz lixeiramente nasal e afectada do No-Do, para maior efecto anacrónico.

Estes días na cidade xa empezan a agromar os guías vestidos de cabaleiros templarios, de Rosalía de Castro ou do disfrace que teña a man o responsábel da axencia de guías en cuestión, o caso é ritualizar a visita, convencer os turistas de que a zona vella de Santiago non é un escenario de cartón pedra saturado de xeladerías, tendas de gorentosos (e moi tradicionais) pasteis de natas e guías disfrazados alindando grupos de foto en foto, senón nada menos que Campus Stellae (sic), unha vila medieval repleta de hermetismo e tradicións únicas das que o guía semella ser a un tempo custodio e transmisor a bocas cheas. As veciñas que camiñamos decote polo medio deses escenarios, estragando a foto, escoitamos alucinadas extractos desas tradicións ocultas e milenarias que aparentemente se conservan intactas nun pobo que, se hai que crer os datos do INE, o ano pasado recibiu máis turistas por habitante que Barcelona ou Palma de Mallorca.

Este ano a Semana Santa celebrouse con 16 procesións, e o concelleiro de turismo Sindo Guinarte apelou á veciñanza para traballarmos en prol do recoñecemento da nosa moi venerábel Semana Santa como Festa de Interese Turístico Nacional. Eu, que xa teño canas, non lembro tal devoción na cidade desde que ao anterior alcalde se lle ocorrera manterse á marxe da ofrenda relixiosa dos 25 de xullo e o xornal local sacou unha fatwa contra el.

Seica agora vende o fervor relixioso, e fervor relixioso imos comer. Seguindo o exemplo do noso Presidente, supervisor directo de Turgalicia e modelo do Xacobeo Alfonso Rueda, o concelleiro Guinarte tamén segue a estratexia desarrollista do “máis é máis” coma se estivésemos en 1970 e aínda non sentise falar da presión turística ou do medio ambiente. As estratexias de promoción turística non cambiaron en esencia desde o franquismo porque os obxectivos dos operadores (públicos e privados) seguen a ser os mesmos: muxir o teto dunha nova burbulla pensando que é unha fonte inesgotábel de riqueza para os propios operadores, que non para o pobo.

E cando esta burbulla, como todas as anteriores, nos pete na cara, iso si, entón xa se poderán redistribuír as perdas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats