Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Os fillos subrogados do deus dos cartos
Foi con vinte anos, nas gradas dunha aula da Facultade de Filoloxía. Estabamos vendo Todo sobre mi madre e, na pantalla enfocada por un proxector de mala calidade, Marisa Paredes —Huma Rojo, no filme— recita un fragmento de Bodas de sangre adaptado na obra Haciendo a Lorca de Lluís Pasqual: “Hay gente que piensa que los hijos son cosa de un día. Pero se tarda mucho. Mucho. Por eso es tan terrible ver la sangre de un hijo derramada por el suelo... Una fuente que corre durante un minuto y a nosotras nos ha costado años”. Foi alí, entón, naquel momento, cando eu souben que non podería ser pai. Mellor dito, que non podería ser nai, que non traería fillos a este mundo. Comecei a escribir sobre o sangue, comecei a ler a autoras e autores —homes gays— que falaban exactamente do mesmo ca min: disto que eu experimentaba como unha renuncia, coma unha inxustiza. ¿Pero a que estaba renunciando? A un desexo, renunciaba a un desexo. Aprendín con vinte anos que ser pai non é dereito. Moito menos aínda ser pai biolóxico.
A traxedia destes días tituleina “Ana Sandra de Sófocles” —aínda que ben podería ser “Ana Sandra de Almodóvar” producida por El Deseo— e nela a protagonista é unha nena que, como en calquera traxedia grega, nace marcada polos designios dun deus caprichoso, neste caso, o dos cartos. Unha muller viúva de case setenta anos pídelle ao deus dos cartos que lle envíe á primoxénita do seu fillo morto —prematuramente, coma todos os heroes— e a deidade concédelle o desexo. O prezo a pagar, iso si, será o sacrificio dunha muller, o seu corpo. Unha calquera valerá ben. Escóllese, coma sempre, a alguén humilde, a alguén a quen o pobo non vaia protexer, por quen o pobo non clame vinganza. Cúmprese a promesa e nace unha nena preciosa: Ana Sandra. Esquezamos agora que é filla dun mozo morto, que a súa nai é a súa avoa. Centrémonos no importante: Ana Sandra, a protagonista da traxedia, é filla dos cartos e dun corpo vulnerable, sacrificado exercendo o poder.
Falamos dun deus caprichoso, cheo de remorsos. A violencia dos cartos exércese sempre na maternidade subrogada sobre mulleres que están en situacións de exclusión ou que —sexa na circunstancia que sexa— precisan deses cartos. Non xestan froito do amor ou da xenerosidade, senón que sobre o seu útero gobernan os que poden máis: os que pagan máis. Preguntaríalle agora a Ana Obregón ou a tantas persoas que “alugan” un ventre: quereriades que a vosa filla se dedicase ao mesmo que a nai que a xestou? Que vivise nas mesma condicións que levaron a esa muller a traficar co seu propio corpo? Imaxino que a resposta deses pais amantísimos será sempre que non.
Mesmo nun contexto ideal, a maternidade subrogada implica, por enriba de todo, unha renuncia ante o egoísmo alleo. A profesora e escritora Sabela Aldrey falaba en Instagram sobre a personaxe de Phoebe na serie Friends, sobre o momento da trama en que decide xestar os fillos dos seu irmán cunha muller moito maior ca eles. Finalmente, trae ao mundo a tres bebés e pide un momento a soas con eles para despedirse: é a escena máis triste do personaxe máis cómico da serie. Aldrey recórdanos: “el acto voluntario de alguien no puede convertirse en el privilegio de otro”. Nunca.
Agora mesmo, en Twitter, nas terrazas, nunha sobremesa, estamos falando por enriba de calquera cousa sobre mercar menores, sobre un bebé comprado, sobre traficar con corpos… E isto nunca poderá ser regulado, nunca se dará en condicións de igualdade, nunca sería xusto se fose lei. Por moi feliz que sexa despois a nai xestante cos cartos, por moitas fotos que fagades desas nenas e nenos mentres medran. Son fillos do voso egoísmo, dun amor que non soubo transformarse noutro, dun desexo que facemos pasar por instinto (dende cando o irracional lexitima nada?). Son fillos da tristeza, da frustración e dun mundo violento, un lugar onde a liberdade se paga con cartos.
E diredes: que culpa teñen eses nenos de teren nacido así? Ningunha. Igual que non tiveron culpa Edipo ou Electra, igual que non tiveron elección Iocasta ou Medea. A literatura ensínanos infinidade de cousas, case todas terribles. Unha muller, un home libre non pode ser fillo da desigualdade. Por sorte, no país en que vivimos, os nenos non son propiedade dos seus pais, non poderían ser vendidos ou devoltos ao lugar de onde viñeron se algunha vez se fartasen deles. Imaxinan? Sería terrible. E, non obstante, si acontece o contrario: as mulleres e os fillos que portan nos seus ventres son tratados como mercadoría. E aínda hai quen discuta que todo isto sexa unha traxedia.
Lembro perfectamente aquela aula. A Marisa Paredes recitando: “Me mojé las manos de sangre y me las lamí con la lengua. Porque era mía”. E aquilo que sentín, isto que sinto, todo canto vexo e leo estes días, estou seguro, non é amor.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0