Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia en gran angular

Imagen de una aldea en el municipio de Folgoso do Courel

0

Os galegos fomos, ao longo de moitos séculos, unha poboación moi numerosa (arredor do 15% da cifra total de España no século XVIII). Foron máis paisanos das catro provincias galegas (que antes eran sete) deambulando polo país e por todos os recunchos imaxinables que cataláns, por exemplo, que hoxe nos dobran dabondo en termos demográficos. A forte presión que exerceu un número tan notable de persoas sobre o territorio, é dicir, a alta densidade demográfica, entendo que foi o principal factor que nos levou a buscar unha vida alí onde fose que se nos compensara pasablemente por dobrar ás costas.

Entendo que resulta oportuno abordar a reescritura da crónica galega consabida de Nós, que foi descrita con tintes excesivamente outonais e melancólicos. En realidade, a nosa foi, en boa medida, unha historia de éxito: a capacidade dun sistema produtivo galego, baseado no millo (a inestimable broa) primeiro e na pataca despois (o imprescindible cachelo); un policultivo de subsistencia, baseado nunha rede de recursos gandeiros, forestais e pesqueiros, con capacidade para xerar unha porción de excedentes comercializables. A esta diversificación dos recursos alimentarios hai que engadir unhas condicións ambientais relativamente favorables: un ecosistema e máis un clima relativamente benignos, ou cando menos aturábeis (no interior), sen apenas inclemencias e moito menos cataclismos. Hai que engadir o factor distributivo, que veu significar -como sinalou Pegerto Saavedra- que a propiedade da terra (e do gando: tanto do vacún, como do idolatrado porco, e máis do infravalorado caprino) ten estado considerablemente repartido, non tan concentrado en poucas mans como infortunadamente ten acontecido noutras moitas latitudes. E resulta moi sorprendente que a posición social “de modesto pasar” teña sido dabondo común, moeda corrente entre nós.

Tampouco é moi habitual o que aconteceu en Galicia, onde a mesma pobreza ten estado considerablemente repartida. Un piar fundamental veu dado pola institución da casa, que acolle á 'compañía familiar labrega', que compendia e integra dúas ou tres xeracións. Os seus membros estaban “á mesa e manteis”, polo que o seu mediano pasar obrou o verdadeiro miragre de permitir unha baixa taxa de mortalidade infantil (que foi terrible no conxunto de España: a segunda máis espantosa de Europa, despois de Rusia) e favorecer asemade unha maior supervivencia das persoas anciáns.

De feito, na segunda metade do século XVIII, e asemade no XIX, a esperanza de vida dos galegos situábase entre as máis altas de España (como acontecía en xeral no Cantábrico). Isto fixo posible que un importante continxente de persoas puidese prolongar a súa existencia ata unha idade moi avanzada. Un dos logros máis sobranceiros deste réxime de familia extensa (predominante no interior lucense), sen esquecer a familia nuclear, vixente na maior parte dunha Galicia máis complexa do que parece (onde tamén había un 15% de persoas solitarias), mancomunado con fontes proteicas de subsistencia, quizais sexa o feito de que a taxa de supervivencia dos nenos aos sete anos teña sido notablemente alta. Tampouco se debe esquecer o sistema de herdanza, baseado na transmisión da propiedade da que participaban todos, posto que o fillo mellorado (ou a filla, en moitas parroquias costeiras) non acaparaba todo -deixando aos seus irmáns 'por portas'-. Non convén desdeñar tampouco as formas robustas de axuda e solidaridade comunitaria. Pódense sinalar dúas manifestacións deste costume histórico: o aproveitamento en mancomún da riqueza forestal de innumerables montes e a explotación marisqueira en réxime comunal.

Todo isto constituíu un éxito para este “vello complexo agrario” (vieux complexe agraire) que foi la Galice, disecionada por Abel Bouhier. Un logro posibilitado pola observancia dunha dieta atlántica, certamente incompleta e con sesgos sexistas, pero saudable en termos xerais e con seguranza sustentable, e polo goce dunha gastronomía baseada na cocción, simbolizada nun pote cheo de caldo enriba da lareira, e no gozo de compartir viño e alimentos. Deste xeito, os corpos nutridos con pitanzas tales e cubertos con tecidos de liño elaborados por mulleres nas casas campesiñas, fixeron posible a xestación e o sostemento dunha pautas demográficas vigorosas, ata acadar un límite, un punto de clivaje, por saturación humana. Deste desfase entre poboación e recursos, xurdiron repetidos episodios de crises de subsistencia nun bucle fatídico.

Toda unha teimuda e rexa corrente de opinión subliña a nosa situación de postración e marxinación (mesmo de colonización), en suma, a nosa condición vitimista. Pero houbo fames e penurias por todas partes, sen que fose posible excluír da cartografía da desventura a nacións tan prósperas como Italia, Alemaña ou Suecia -por citar algúns casos venturosos- en distintas -e, as veces, reiteradas- etapas da súa historia.

No que concirne ao noso xeito de existencia antano pódese sinalar que as vivendas que nos acubillaron, a indumentaria e o réxime de alimentación, así como as condicións xerais de vida e saúde eran moi semellantes ás dos restantes países da nosa contorna. A situación de opresión das mulleres, os nosos medos, así como a inseguridade das nosas existencias non eran moi distintas tampouco.

Este conxunto de apreciacións sobre o gran mosaico que conforma a existencia social dos galeg@s no río do tempo describe unha converxencia, en temos xerais, coas liñas básicas do desenvolvemento da condición humana nos países europeos, nos que resoa, na súa améndoa profunda, á evocación feita por André Malraux, cando escribiu que: “Todo hombre se parece a su dolor”. Semella constatable que os nosos males non foron peores, nin as nosas vidas máis pesarosas. Tampouco os nosos espíritos foron menos ilusionados e animosos, nin os nosos corpos máis entecos.

Así, a relevante publicación Encyclopédie Méthodique, que daba continuidade á famosa Encyclopedia, publicada entre 1782 e 1832, e que recompilaba os coñecementos da Humanidade agrupados por temas, consignaba o feito de que os galegos daquela eran en xeral de estatura media e robustos.

Non andabamos mal de robustez e de talle, segundo parece. Resulta posible verificar isto, cando menos durante un século e medio, grazas ao estudo do talle ao que foron sometidos os recrutas no momento en que prestaban o servizo militar. A cuestión non é trivial, xa que, como sinala Miguel Martínez Carrión, o notable aumento da altura das poboacións europeas, a partir de mediados do século XIX, debeuse sobre todo á mellora da nutrición, aínda que tamén foron concausas relevantes os niveis de saúde pública, renda dispoñible e educación.

Esta era tamén a impresión Valle-Inclán, quen reflectiu dun xeito moi veraz a xenuína idiosincrasia do país galego e a vera facies dos seus habitantes, do máis diverso pelaxe tal e como estes eran na súa época-. Este diálogo entre dous personaxes figura na súa triloxía teatral Martes de carnaval:

“-El Bizco Maluenda: ¿Gallego este sujeto? No lo aparenta.

-Pedro Maside: ¿Y por qué no? Galicia da hombres tan fuertes como la mejor tierra“.

A influencia favorable da nutrición no crecemento é un feito comprobado. En efecto, tanto os individuos como as poboacións desenvólvense en conxunto e medran en estatura cando aumenta o consumo de nutrientes, tanto de proteínas, graxas, hidratos de carbono, minerais e vitaminas, como de enerxía. Isto é un feito ben establecido nos nosos días, aínda que hai só 50 anos un sector da profesión médica sostiña que a altura das poboacións dependía exclusivamente de cuestións xenéticas. O doutor Rafael Tojo refire que a Grande Covián dicíanlle médicos nórdicos e holandeses que a xenética española era de peor calidade e que por iso os españois eran máis baixos. Grande Covián retrucoulles que deixaran pasar dúas xeracións nas que comeran quente e ben, e xa verían eles. El estudiara a realidade da cidade de Madrid, cercada pola guerra, e contrastara a altura dos nenos dun barrio rico (creo que o de Salamanca) cos doutro pobre, e decatouse de que a diferenza era importante, e a causa era debida á nutrición diferencial.

Mal nutridos non deberon de estar os galegos, xa dende épocas pretéritas, posto que a súa envergadura corporal era francamente satisfactoria. Ao doutor Sánchez Fernández debemos a publicación dunha estatística, referida ao período 1903-1906, sobre a base de case 120.000 soldados incorporados ás filas. O estudo arroxou os seguintes resultados: o 62,5% dos recrutas eran de talla mediana. Os mozos da provincia de Ourense superaron lixeiramente a media española, cunha cifra do 64,8% (ocupando o número seis, tendo por riba só a Baleares (a máxima, con 66,8), Cádiz, Málaga, Huelva e Albacete). Por debaixo situáronse A Coruña, cun 62,4%, Lugo cun 62,7%, e Pontevedra cun 60,8%. En calquera caso, todas as provincias galegas situáronse por enriba da provincia de Madrid, cun 60,6%, Logroño, Xaén, Teruel, Álava e algunhas máis, como Valladolid, que foi a lanterna vermella vermella, cun 56,4%.

En suma, a estatura dos galegos estaba máis ou menos na mesma escala ou ben, se se quere, no mesmo fiel da balanza en que se situaba en promedio a dos españois. E asemade nunha talla similar á que alcanzou unha grande parte dos europeos, segundo revela a investigación do doutor Ph. Hauser, La geografía médica de la Península. Nesta obra consígnase que, en 1913, a talla media en España era de 1,64 metros, a mesma que a dos italianos, e lixeiramente superior á dos suízos (1,63) e portugueses (1,62). Estaba, en cambio, un pouco por debaixo da dos franceses (1,66), alemáns (1,68), ingleses (1,69) e da máis elevada de todas, a dos suecos (1,70).

Polo demais, no tocante ao perímetro torácico e ao peso corporal dos mozos recrutas, o panorama repítese con moi lixeiras variacións, con Ourense de novo en situación prevalente.

Agora ben, a principios do século XX, os pobres adoitaban estar máis delgados (posto que comían menos) e eran tamén máis baixos que os ricos. Un fenómeno que Eric J. Hobsbawm caracterizou como a plasmación da socioloxía inscrita na bioloxía. Intúo que, nos nosos días, os ricos aínda son máis altos, pero son, pola contra, máis delgados que as persoas que dispoñen de poucos escasos recursos. O que sucede é que a obesidade castiga sobre todo aos menos adiñeirados.

En conclusión: no que concirne á constitución física dos galegos, sexan homes ou mulleres (entre os que adoita existir unha correlación, tanto no alcance das súas estaturas respectivas, como no que afecta a outros moitos rasgos da súa conformación física) todo parece indicar que non se rexistraron diferenzas significativas en relación aos promedios españois e europeos, o que podería indicar que a situación alimentaria do país non ten sido máis desfavorable.

Podemos indicar, como colofón, que, en termos históricos, os habitantes de Galicia non estiveron peor nutridos que os residentes noutras comunidades autónomas de España. Constitúe unha evidencia -como temos indicado- que os parámetros corporais dos galegos, tanto a comezos como a finais do século XX, foron semellantes aos do resto dos españois, incluídos aqueles cuxa alimentación estivo baseada na dieta mediterránea. Deste panorama social pódese inferir que a dieta atlántica tivo unha capacidade nutricional equiparable á mediterránea. Poderiamos afirmar, xa que logo, que, a pesar dos pesares, a vida dos galegos non foi demasiado desventurada en termos xerais. Polo menos, temos estado bastante ben mantidos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats