Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Todo cambia (instrucións para ir ao ceo)
Cambia lo superficial
Cambia también lo profundo
Cambia el modo de pensar
Cambia todo en este mundo
(Mercedes Sosa)
Todo cambia. Así comeza a canción de Mercedes Sosa. E así é. Leo en Fechas que hicieron historia (Patrick Boucheron, Anagrama, 2024): “Hoxe o único que vemos de Angkor son as súas ruínas. Ou, máis precisamente, a posta en escea da súa revelación: alzouse aquí un día unha gran cidade, unha grande civilización”. De Angkor, cidade-templo, o que máis sorprende, indica Boucheron, é a súa inmensidade: varios centenares de templos, repartidos nun parque arqueolóxico de 90 km2. Angkor foi abandonada por Phnom Penh, a actual capital de Camboia, situada na confluencia de tres ríos. No século XV o desenvolvemento do comercio marítimo beneficiaba ás zonas costeiras.
Trátase dunha curiosidade que me levou a outra: a indagar que sucede hoxe en Camboia, como foi despois do xenocidio perpretado polos khmer vermellos. O actual primeiro ministro, Hun Manet, herdou o cargo do seu pai, Hun Sen, que continúa sendo o líder do Partido Popular de Camboia. Hun Manet é graduado en West Point e licenciado en Económicas pola universidade de Bristol. O seu pai, un antigo khmer vermello, leva gobernando Camboia dende o derrocamento dos khmer vermellos polos vietnamitas.
Todo cambia e, ás veces, moi rápido. Camboia foi, baixo o liderado de Hun Sen, un país aliñado coa Unión Soviética. Pero unha vez que esta desapareceu en 1991, coa velocidade do lóstrego, Camboia pasou a ser unha monarquía constitucional, o budismo foi reinstaurado e Camboia pasou a ser unha teórica democracia multipartidista. Todo cambia. O fillo de Hun Sen en West Point, unha certa corrupción e o país do socialismo ao capitalismo nun abrir e pechar de ollos. Non se pode dicir que non hai xente con rapidez de reflexos.
Todo cambia baixo a presión das circunstancias. O economista Branko Milanovic, inspirándose en Lenin e no seu libro O Estado e a Revolución para comprender como o grupo de Trump podería intentar facerse co control do Estado americano de forma permanente, relata como o líder soviético adoptou en 1922 a Nova Política Económica (NEP), máis procapitalista, que era “exactamente o contrario das políticas que el mesmo deseñara en 1917”. En Abril 1922 Lenin dixo: “As cousas agora son diferentes. Nin Marx nin os marxistas podían prever isto. Non debemos mirar ao pasado”.
Pode que a China fracasara como experimento socialista, pero é innegable o seu éxito como un proxecto de modernización capitalista do antigo Reino do Centro. O Partido Comunista fixo no seu país algo semellante ao que as burguesías occidentais. Tanto, que hoxe os papeis invírtense: China é o país líder do libre comercio e os Estados Unidos reprégase ao proteccionismo. O mundo ao revés.
Todo cambia. Hai catro décadas a hexemonía cultural era grosso modo das esquerdas. Hoxe, como produto das guerras culturais libradas con éxito polos neoconservadores, esa hexemonía pasou ás dereitas. O comunismo hai tempo que deixou de ser unha opción viable -Podemos non é máis de esquerdas que un socialdemócrata sueco dos setenta-, pero o seu fantasma xustifica unha viraxe á dereita que pode acabar da peor das maneiras: coa consunción, máis ben que o derrocamento, das democracias.
Conta Richard Cockett en Viena. La ciudad de las ideas que creó el mundo moderno (Pasado y presente, 2024), un retrato da capital austríaca no período de entreguerras, que para algúns vieneses de esquerda a situación se tiña deteriorado nunha data tan adiantada como o 15 de xullo de 1927, cando o concello socialdemócrata permitiu que a policía abatise a 89 dos seus seguidores sen mobilizar aos seus. “Un proceso interminable de constante cesión de posicións”, afirma o autor -editor, por certo, de The Economist-, foi o que abriu o camiño ás forzas paramilitares da dereita e á catástrofe. Na Viena do período había un enorme potencial obreiro, hoxe as esquerdas do mundo son fáciles de quebrar, cando as hai ou se as hai. No mundo de hoxe a dereita é quente, cruel e agresiva. Séntese chea de razón e actúa con arrogancia, sen cortarse. A esquerda, sen postular unha cosmovisión, limítase a ser un “solucionador de problemas”. O momento frío significa ceder posicións xusto cando o extremismo avanza.
Todo cambia. Os procesos deliberativos para conformar a opinión pública están pasando a mellor gloria baixo a presión e o xiro no espazo público determinado polo poder do algoritmo e o deterioro cognitivo que provoca a conxunción entre as redes sociais e uns medios convencionais cada vez máis intelectualmente pobres e nesgados. A partires da década dos 80, baixo o paraugas dunha presunta democratización da cultura, perseguiuse con saña a experimentación para fomentar os xéneros de formatos máis convencionais que non defraudaran as expectativas do consumidor. Hoxe o ámbito cultural é un océano de produtos previsibles e de puro entretemento que satisfan os gustos conservadores das novas clases medias. Non están interesadas en saber a verdade acerca de si mesmas. Dalgún modo, impera o macartismo antiintelectual.
Dicía o científico, teólogo e místico Emanuel Swedenborg, reformador que departía amigablemente nas rúas de Londres cos anxos, que “para ir ao ceo non só hai que ser bo. Hai ademais, que ser culto e ter bo gusto”. Temo que o ceo non debe de estar hoxe moi nutrido.
Pero todo cambia. Quen sabe?
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0