Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Ayuso intenta apaciguar a la universidad con una subida del presupuesto
Así es una misión de vigilancia ucraniana con drones a 15 km. del frente
Opinión - 'Majestad, ¿puedo poner un tuit?', por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Últimos días no balneario?

Edificio de la Comisión Europea en Bruselas.

Antón Baamonde

0

En España hai eleccións o 23 de xullo, pero a gran inflexión histórica, a que marque as décadas futuras, pode suceder nas eleccións europeas de xuño de 2024. Todos os consensos sobre os que foi armada a Unión Europea poden saltar polos aires como consecuencia da chegada da extrema dereita ao núcleo do poder europeo. E ninguén sabe o que pode vir despois.

A extrema dereita goberna Italia, Hungría e Polonia, e cogoberna Finlandia. España, a cuarta potencia europea, pode ser outra peza, á que pode seguir Francia, na que Le Pen está en óptimas circunstancias electorais. En Grecia non só Syriza foi derrotada ostensiblemente. Ademais, dúas opcións de extrema dereita -unha delas, nazi- entraron no parlamento heleno. Pero o máis grave é que o presidente do Partido Popular europeo, o alemán Manfred Weber, é partidario do pacto cos ultras de Conservadores e Reformistas europeos, o grupo ao que pertence Vox. Estáse fraguando unha gran onda conservadora que disolve valores básicos da Unión.

Esa onda é a manifestación de grandes cambios tectónicos. Nos países occidentais as novas xeracións cren que van vivir peor ca os seus antecesores. Pero na China, polo menos de momento, cada xeración supera en benestar e expectativas á que lle precedeu. Esa diferenza de horizontes cristaliza e simplifica o momento. En Estados Unidos o horizonte decrecente abríu paso á demagoxía de Trump, que pode, por certo, volver gañar as eleccións en 2024. En Europa, o ascenso da extrema dereita está ligado ao declive do estado do benestar.

A disolución da Unión Soviética, o ascenso de China como grande potencia mundial, a financiarización da economía, o peso decisivo dos fondos de investimento na determinación das grandes liñas da evolución social, en particular á hora de facer máis fráxiles e líquidas as relacións sociais; o capitalismo na súa versión neoliberal como único horizonte filosófico, intelectual e moral, da imaxinación colectiva son elementos dos que hai que partir.

A paisaxe está determinada polo combate entre China e Estados Unidos polo dominio no campo científico, tecnolóxico, da intelixencia artificial e do big data. No século XX os Estados Unidos foron a única superpotencia. Para o 2050 seis das sete maiores economías do mundo serán países emerxentes e o peso da participación da UE no PIB mundial podería caer por debaixo do 10% segundo diversas proxeccións. Asia será o epicentro.

Nunca se acentuará dabondo que as grandes liñas de evolución de hoxe teñen pouco que ver coa experiencia vital das xeracións que conviven no continente. Todo está sucedendo moi rápido. O perigo da cegueira é, por iso, moi grande. Non se pode interpretar a actual conxuntura histórica cos anteollos que a maior parte dos vivos utiliza.

Non axuda o baixo nivel da conversa social. As sociedades occidentais están sendo sometidas a unha dieta atroz de monumental simplicidade, infantilismo e banalidade. Da falta de autoeducación, da mentalidade de chusma, implementada polas redes sociais, e do desprezo á intelixencia nada bo pode saír.

A Unión Europea foi concibida, despois da II Guerra Mundial, para crear un grande mercado interno que garantise a paz entre Francia e Alemaña e, á vez, un muro de contención fronte ao Pacto de Varsovia. Na época da globalización os parámetros son outros e os desafíos esixen unha nova consciencia histórica, unha nova versión dos intereses e valores da sociedades europeas. É necesario un xiro da política económica a Keynes, pero tamén retomar a senda política do Welfare State, agora co combate contra a crise climática e o ascenso da ultradereita como prioridades. Unha Europa máis identitaria e represiva, en mans da ultradereita, non ofrecería solucións: só a fórmula máxica da man dura. Crearía problemas, non os resolvería.

Esa nova consciencia histórica é necesaria, máxime cando o socio preferente, os Estados Unidos, establece de feito unha dicotomía entre a Vella -a UE- e a Nova Europa -os países postcomunistas- que introduce presión ao tradicional eixo franco-alemán e busca probablemente quebrar a cohesión europea. O risco dunha guerra comercial entre a UE e os Estados Unidos está aí. E unha guerra de desgaste prolongada na Ucraína pode debilitar aínda máis a Europa. Pero a UE non parece dispor dun norte claro, ou tal vez está atenazada polas circunstancias. Non hai un De Gaulle ou un Willy Brandt dispoñible.

A guerra na Ucraína pon en cuestión o modelo económico alemán, cunha industria que se alimentaba, en grande medida, do gas e o petróleo rusos. Ademais, China é o gran cliente xermano e tamén por esa banda Alemaña está atrapada na dialéctica entre a potencia asiática e os Estados Unidos que determina a xeopolítica mundial.

Non cabe dúbida de que os fondos Next Generation, co seu acento posto no hidróxeno verde e no desenvolvemento dos semicondutores é a resposta implícita ao novo contexto mundial: a Unión Europea está maniobrando para manter a súa autonomía estratéxica, pero sen establecer unha visión que renove o pacto europeo e corte o camiño ao extremismo de dereita, o único extremismo realmente existente.

Ninguén pode ignorar que o peso do mundo occidental no planeta é menor do que foi e todo indica que ese peso vai continuar reducíndose no futuro. A sensación de confort e de ser o centro do mundo que acompaña aos seus cidadáns carece da xustificación que podía ter noutro tempo. Estamos nun mundo multipolar, sen unha hexemonía clara. O Pacífico é o ámbito de maior dinamismo e o Xogo do Mundo dáse hoxe entre China e os Estados Unidos, pero non cabe predicir o seu resultado.

A Unión Europea foi o balneario do mundo, pero cabe que vivamos os seus últimos días. Diría que saír da alegre superficialidade do momento e ter certa consciencia das negras nubes que aparecen no lonxe sería unha actitude digna de ser tomada en consideración, precisamente para evitar que o peor poida suceder. Algo vai mal, escribiu Tony Judt, nun libro de síntese da evolución europea, hai tres lustros. Dende entón, todo empeorou.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats