Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Xabarín Club ou se TVG fose TV3

Trabajadores de la CRTVG durante una de las protestas de os "venres negros"

2

Nos últimos anos do franquismo Andrés do Barro facía unha música pop en galego que chegaba a todo o mundo e Ana Kiro estaba no top das verbenas. Eran todo un fenómeno social, que chegaba a todas as capas. Agora non hai nada comparable.

Non hai unha cultura pop en galego. A ausencia dunha cultura de masas homologable, con extensión nas capas maioritarias do país, clama ao ceo. Todo está na marxe. Sen ela, a cultura galega será a propia dunha reserva india. Unha parte da responsabilidade tal vez está nos propios creadores que acaso non acertan coas fórmulas. Pero a outra parte, a máis importante, radica na ausencia de canles masivas, ou polo menos significativas, de difusión. Que importa que teñas unha voz se non hai altofalante que permita que se escoite?

A CRTVG non sabe, ou o que é peor -pero pode sospeitarse- non quere, cumprir a súa función. Os seus índices de audiencia non son malos, en términos relativos, e a calidade dos seus profesionais está fóra de sospeita. Pero non está pensada para interpelar ao público urbano, nin emite unha mensaxe de modernidade. Probablemente os seus directivos pensan, con certo cinismo, que a CRTVG debe dirixirse a un país residual que é o que lles axuda a gañar eleccións.

Non deixa de ser curioso que corenta anos de autonomía e institucións propias deixaran tras de si tan enxoitos resultados neste terreo. Algún marxista de Groucho diría que conseguimos ascender dende a nada ata os máis altos cumes da miseria.

A capacidade de atracción da CRTVG sobre os máis mozos e sobre a capa central das clases medias é perfectamente descriptible. A campaña da Mesa en favor dunha canle infantil está cargada de sentido e de razóns. Non cabe dúbida de que o Xabarín Club foi un fito para unha xeración de galegos que hoxe rondan ou pasan dos corenta. Pero a día de hoxe ese Club esmorece e é, de feito, auga pasada. É unha vergoña que non se promova esa canle infantil, como si a teñen TVE, TV3 ou ETB, por non falar da enorme cantidade de oferta privada. Dicíame un profesor universitario que alguns alumnos millennials lle confesaban que, na súa infancia, o galego foi para eles un idioma tan estranxeiro como o inglés, se non máis. Todos os datos confirman o aserto.

A censura, a manipulación das noticias é todo un clásico. Nunha entrevista neste mesmo medio, os traballadores da compañía denunciaban “a asunción, por parte da dirección da CRTVG, do discurso da Xunta, e o silenciamento das voces críticas co PP”. E concretaban o argumento: “A selección das noticias, os enfoques, a axenda de expertos, os cuestionarios aos líderes políticos, a disposición das noticias na escaleta. Todo forma parte dunha estratexia premeditada que busca enxalzar a Alberto Núñez Feijóo”.

Se Galicia fora Cataluña, se TVG fose TV3, cen semanas de mobilización dos traballadores da compañía baixo o lema “Venres Negro” tería sido unha noticia que coparía todos os medios en España. E Feijóo sería sinalado coma un sátrapa, un inimigo da liberdade e do pluralismo.

Pero nada diso pasou, nin pasará. Tanto fóra coma dentro de Galicia os medios ignoraron ou trataron de esguello esa denuncia das prácticas dos directivos da CRTVG. Minimizaron a importancia da noticia ata o indicible. Ese amor polo pluralismo e a liberdade parece que é selectivo e, no caso dos medios galegos, só o teñen a mil kilómetros de distancia. Xa se sabe: só adoutrinan os outros.

Dende logo, no que a aprezo pola cultura galega se refire, o apego do presidente e do partido que o sostén é tendencialmente nulo, achegándose asintóticamente a cero. Manteñen as formas, por suposto, pero nin un paso máis. A posición de Feijóo sobre o particular máis ben que o ataque frontal, ao estilo aznariano -ao fin e ao cabo isto é Galicia- consiste en ila deixando esmorecer, á suíña. Ata que morra por inanición, que é do que se trata. É probable, polo demais, que a cultura en xeral, en castelán ou en swahili, tamén lla traia ao pairo.

En todo caso, o descrédito da CRTVG, transformada na voz do seu amo, entra en contradición cos fins, definidos pola lei, que debería promover. A vocación de servizo público para promover, difundir e impulsar a lingua galega, pero tamén, a de ofrecer unha información veraz e obxectiva, valor esencial de calquera empresa xornalística.

Certamente, hai un país detrás que apoia esa política de ir pouco a pouco esmorecendo a personalidade de Galicia. Non sei se é a corrente principal, pero non cabe dúbida, ou non ma cabe a min, de que amplísimos sectores da nosa sociedade se senten máis cómodos ou ben excluíndo aquilo que soa a galego, ou ben, e esta é tal vez a posición máis común, acoutándoa nun recanto no que poidan recrearse -é dicir, divertirse sen consecuencias ostensibles- aqueles por así dicir obxectores de conciencia que aínda queiran vivir nesa burbulla. Digamos que non se prohibe, pero dáse por sentado que o seu futuro é minguante e que así debe ser.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats